U.D. SANTA MARIÑA

 Nós


PRIMEIROS ORIXES - CD CABRAL (1942-1947) 


Na primavera de 1942, algúns integrantes do Deportivo Penís, Eduardo García "Maletas", Alfredo Novoa (de Barreiro) e Santiago Moreda "Charito", na barbería deste último fundan o Deportivo Cabral. Pouco mais tarde a directiva estará integrada polos anteriores, máis: Manuel Alvarez Rubines "Zapa", Manolo Molares, Antonio Fernández "Ripas", José Iglesias "Gamelas", Ignacio Fernández, e outros


A primeira equipaxe comprouna Eduardo García e compúñase de pantalón azul e camiseta vermella. Sen federarse, xóganse partidos amigables con equipos de Porriño, Petelos, Tameiga... Adestraban no Meixoeiro e na Ponte. O local estaba no "Bar Molares", nun reservado, onde ademais facíanse faladoiros e tamén algunha actividade cultural de cando en vez. 

No ano 1944 (ano aproximado) fedérase o equipo e se comezan a pagar cotas, sendo o encargado da xestión administrativa "O Zapa". O campo oficial era "Barreiro" e algúns dos xogadores eran: Gestoso, García Puertas, Celso García, Pepe Molares, Manolito Chalanero, Felo, Celso dá Rita, Lelo, Peitiños, Santiago Moreda... Segundo testemuños, o Deportivo Cabral chegou a ter un gran equipo que era temido na comarca de Vigo polos seus rivais. 

O FIGUEIRAS E O SANTA MARIÑA 

No 1947 un grupo de raparigos formado por Manuel Conde Estévez, Jesús Caride Graña, os irmáns Manuel e Emilio Alonso Castro e Humberto Gómez Pardo, despóis dun animado coloquio, crearon un equipo de fútbol o que lle puxeron o nome de FIGUEIRAS. 

No alto da igrexa de Cabral, outro grupo integrado por Manuel Caride Posada, Fernando Gallego Martínez e Pablo Cabaleiro, reuníronse cos anteriormente mencionados para tratar de facer un equipo máis forte, pero non se poñían de acordo co nome. Finalmente triunfou a opinión destes últimos e acordaron poñerlle o nome de Santa Mariña (Patroa da Parroquia de Cabral). Polo que Pablo Cabaleiro, dada a súa proximidade co crego, foi o escollido para falar co abade Ángel Rueda Trigo para que dera o seu plácet ó nome do novo equipo da parroquia. 

FUNDACIÓN


No mesmo ano, 1947, a directiva do C.D. Cabral a consecuencia da represión política, tivo que deixar o club desaparecendo este como entidade. 

Foto do Club Deportivo Cabral.

Arriba: Molares, Ferro, Celso Veiga, Soto, Lelo, Piño Soto, e Mateo;

Abaixo: Santiago Moreda, Celso, Chocas, Benigno Mariño e Manolito "Chalanero".

A raíz disto, reuníronse todos os grupos deportivos de Cabral e acordaron rescatalo, dándolle o nome definitivo de Unión Deportiva Santa Mariña de Cabral, facendo as xestións ante a Federación Galega de Fútbol para comunicarlles que se facían cargo do C.D. Cabral, pero co novo nome. E será na tempada 1948-1949, cando a U.D. Santa Mariña figure por primeira vez como club adscrito á Federación, sendo a súa primeria directiva a seguinte: 

PRESIDENTE: Manuel Caride Posada

VICEPRESIDENTE: Fernando Gallego Martínez

SECRETARIO: Humberto Gómez Pardo

TESOUREIRO: Manuel Conde Estévez

CONTADOR: Pablo Cabaleiro

VOGAL: Jesús Caride Graña

VOGAL: Manuel Alvarez Rubines


Foto do Club Deportivo Cabral.

Arriba: Molares, Ferro, Celso Veiga, Soto, Lelo, Piño Soto, e Mateo;

Abaixo: Santiago Moreda, Celso, Chocas, Benigno Mariño e Manolito "Chalanero".


A labor desta Xunta Directiva neses primeiros tempos foi moi traballosa, polo que tivo que reforzarse. Entraron a formar parte Saturno Rodríguez Branco e Santiago Moreda Rodríguez. Isto puxo máis dinamismo nas fichaxes de xogadores, lográndose bos reforzos como o de Serodio, Parada, Peroldes, Juanito, Vázquez, Miguel e Moreno; así como o adestrador Madero, un técnico de calidade e excelente persoa.

O sinal de identidade do club será deseñada polo crego Jesús Hemida Villar, un bo colaborador da entidade, incluído o económico. O veciño da Rinxela (Cabral), terá en conta á hora de debuxar o escudo o carácter agrario de Cabral e o plasmará no escudo en forma de corazón. Na banda dereita ponlle un millo en achegamento a unha veciñanza campesiña e na outra banda un balón, obxecto imprescindible para xogar ó fútbol.


Empezouse o campionato cuns resultados esperanzadores, acadando o primeiro posto na primeira volta, despois dunha forte disputa co Areas de Coia. Estes foron os rivais deportivos da U.D. Santa Mariña: Areas de Coia (campión da Liga), Bouzas, Calvario, Casablanca, Gran Vía, Seixo e Silva. Unha mágoa non poder ofrecer a primeira clasificación da Liga, pois todo o traballo de investigación por conseguila, que foi moito, non deu froito.

Na seguinte tempada ninguén se quería facer cargo do equipo, despois da dimisión de D. Manuel Caride Posada e a súa xunta directiva. Finalmente ocupou a presidencia D. Pedro Mariño Caride, pero tamén dimitiría ao pouco tempo pasando a ocupar o cargo Juan Mariño Molares.

A primeira medida que tomou esta nova xunta directiva foi reforzar o equipo, alcanzando na liga un meritorio oitavo posto.

Non podemos deixar de resaltar a consecución esa mesma tempada do primeiro título oficial do club a tan só dous anos da súa fundación. Nunha final contra o Silva, na que Celso Amigo consegue o único gol do partido, logrando así a U.D. Santa Mariña ser campión da Copa Consolación de 1950.

Tras finalizar a tempada dimite a Xunta Directiva presidida por Mariño Molares, facéndose cargo da directiva como novo Presidente o entusiasta seguidor Albino Martínez Peixoto, máis coñecido como "Chicho".

Comeza o seu mandato nunhas condicións un pouco precarias, pero salvou todos os escollos presentados e logrou sacar ao club dunha situación difícil ata que na seguinte tempada (1950-1951), "Chicho" e a súa Xunta Directiva decide continuar e afrontar o ascenso a primeira división preferente, obxectivo que consegue xunto aos equipos Carracido e Calvario, quedando terceiros do seu grupo (Zona Sur).

Co club xa ascendido a primeira, cara a tempada 1952-1953 decídese formar unha nova directiva en Asemblea Xeral de Socios. Para iso, a Federación envía un Delegado que baixo a súa presidencia a nova Xunta Directiva queda constituída da seguinte forma:


PRESIDENTE: Saturno Rodríguez Blanco

VICEPRESIDENTE: José Molares Lago

SECRETARIO: Alfonso Mariño Lago

VICE-SECRETARIO: José Augusto Aguiar Lima

TESOUREIRO: Santiago Moreda Rodríguez

CONTADOR: Luis Otero Vázquez

VICE-CONTADOR: Antonio Costas Mosteiro

DELEGADO FEDERATIVO: Humberto Gómez Pardo

VOGAL: José Davila Rodríguez

VOGAL: Eugenio Lago Otero

VOGAL: Jesús Caride Graña

VOGAL: Angel Prego Bastos

VOGAL: Alfonso Rivas Román

Dous acontecementos importantes na historia do club déronse na presidencia de Saturno "Chalanero". Un foi a conquista do campionato de Liga da Primeira División e outro a creación dun equipo xuvenil, que debutará na Copa Vilar. Esta é a primeira pedra dunha gran cimentación que levará no percorrer do tempo a U.D. Santa Mariña a ser un referente do fútbol base.


O final da tempada 1952-1953, a U.D. Santa Mariña gaña a Liga no último partido quedando empatada a puntos co Alondras. Acadando o primeiro posto polo gol average favorable nos enfrontamentos directos entre a U.D. Santa Mariña e o Alondras: 3-1 en Barreiro e 1-1 no campo de Massó (Cangas).

Campión da liga 1952-1953 da primeira División da Serie B.

Arriba: Herrerita, Jorge, Paco Amigo, Campiños, Molares, Nechas;


Abaixo: Pepiño, Jacinto, Caldas, Eugenio Mariño "Nucho" e Barciela.

CONSOLIDACIÓN

Sería moi extenso facer unha crónica de todas as finais que disputou a U.D. Santa Mariña, xa que o seu historial esta repleto delas. Só temos que mirar as vitrinas da sede do club. Pero si que é de obrigado cumprimento mencionar o Trofeo Festas de Santa Mariña, pois ten dous compoñentes significativos para a veciñanza de Cabral. Por unha banda, a ledicia de gañar unha final e por outra, gañar o trofeo das festas da Patroa da parroquia. Gañouse por primeira vez o devandito trofeo en 1955 en disputa co Rianxo, Suevia e Bos Aires.

Na 1955-1956 destaca a excepcional tempada do equipo xuvenil: campión de Liga (Zona Sur) e sub-campión galego, perdendo a final co Oza da Coruña. Este sub-campionato deulle dereito a xogar o Campionato de España en Xixón.


Equipo xuvenil da tempada 1955-1956.

Arriba: Mosquera, Valera, Biosca, Valenciano, Durán, Acuña;

Abaixo: Ben, Carrera, Morano, Hío e Sabuz.

No 1957, a U.D. Santa Mariña chega por primeira vez á final da Copa Vigo, enfrontándose no campo da Florida ó Sárdoma, nun partido que termina 2-2 tras dúas prorrogas de 10 minutos. Como era no pasado, para desempatar xogábase outro partido días mais tarde como así ocurría 7 días despois. Neste partido a U.D. Santa Mariña gañaba por 2-0 nunha primeira parte na que tamén o árbitro anulou un gol por un dubidoso fora de xogo que supuña o 3-0. Na segunda parte a mala sorte cébase co equipo de Cabral, xa que se lesionan 2 xogadores e daquela só se podía substituir o porteiro, polo que con tal inferioridade a final termina 2-4 levandose o Sárdoma o título.

Nese mesmo ano a U.D. Santa Mariña gaña o Torneo Relámpago, un campionato que se xogaba en partidos de dúas partes de 15 minutos, onde participaban todos os clubs de Vigo.

Na tempada 1957-1958 a U.D. Santa Mariña volve a proclamarse campioa da Liga de Primeira división (Serie B), superando nun punto ao equipo do Vulcano. Cabe destacar que este equipo da U.D. Santa Mariña formábano case todos xogadores que subiran do equipo xuvenil.

A finais dos cincuenta e principios dos sesenta había na parroquia de Cabral tres equipos de categoría infantil: San Fernando, que naceu no Alto da Igrexa da man de Fernando Gallego; Deportivo Lagares, na rúa do Sello (hoxe Manuel Álvarez), adscrito a Agrupación de Clubs Infantís e impulsado polo carismático Modesto González e o Santa Mariña Infantil, que tan só terá un ano de vida, xa que a tenda de Calzados Gatichaves se fará con esta sección deportiva.

O SANTA MARIÑA BUQUE INSIGNIA DO FÚTBOL BASE VIGUÉS

A década dos sesenta estará cargada de acontecementos, como é a marcha do patriarca da U.D. Santa Mariña, Humberto Gómez Pardo, do que máis adiante volveremos a falar, ou que na campaña 1963-1964 a U.D. Santa Mariña baixa á Segunda División, pero recuperará a categoría en tan só un ano. Gañando a Liga cunha gran vantaxe sobre os seus rivais. Esta feito serve de punto de inflexión no club e senta as bases dun ambicioso proxecto deportivo e social que estaría a chegar baixo a presidencia de Carlos Fernández Trigo.


Os vermellos volven a gañar a Liga Primeira División da Serie B na Liga 1965-1966 e tamén nese 1966 conseguen gañar a Copa Vigo por primeira vez na historia do club, fronte ó Deportivo Teis.


A tempada 1966-1967 é calcada á anterior, pois o equipo de Cabral gaña a Liga e a Copa Vigo. De igual xeito, quedaba as portas do Campionato Galego por segundo ano consecutivo, que volvía a ir para terra coruñesa. Si no 1966 perdía ante o Vioño, en 1967 caería ante o Galicia Gaiteira.


Cabe subliñar que no 1967 o club estrea unha nova sede social, que se podía considerar máis que unha sede dun club de fútbol, unha asociación cultural e deportiva. Este local dispuña de secretaría, sala de xuntas, servizo de bar, sala de xogos, anexo para o material deportivo, outro anexo para lavandería, vestiario con duchas e un médico traumatólogo. No local social tamén se facían charlas deportivas, conferencias, concursos culturais, merendas para os nenos, agasallos no Día de Reis, festivais, excursións… sen esquecer o fin de tempada, que por poñer un exemplo, ata estivo o presidente do Barcelona, Agustín Montal.


A mediados dos sesenta comeza un proxecto deportivo a máis curta idade, con dous equipos infantís, polo que aquela iniciativa foi coma un lostrego que alumeou o camiño daqueles cativos por vieiros de amizade e fraternidade a través do deporte. Aquel proxecto creado coa intención de axudalos a desenvolverse na sociedade, infundíndolles valores coma o de respecto, tolerancia e solidaridade co adversario, do aprendizaxe do saber gañar e saber perder, do xogo limpo... Aquela foi a mellor inversión da UD. Santa Mariña, xa que aqueles intereses produciron grandes doses de alegría, pois aquel fenomenal grupo de directivos, algúns deles de moitísimo carisma, estaban convencidos que aquela convivencia en grupo, axudaría aos cativos a ser máis sociables e polo tanto mellores persoas.

Coa creación destas seccións infantís, vólvese a integrar aos nenos no club, sendo os principais protagonistas e verdadeiros cimentos do que no futuro convertería ó club nun dos que mellor coidan o fútbol base.

Na seguinte imaxe podese ver unha festa de nadal para cativos organizada polo club na sala de baile "La Palmera".



Tras os moitos éxitos acadados, tanto a nivel deportivo como institucional, a U.D. Santa Mariña convértese no buque insignia do fútbol modesto vigués, e será equipo a bater por unha selección dos mellores futbolistas do resto de clubs modestos de Vigo, na homenaxe que a Federación de Fútbol Local de Vigo fixo ao seu presidente Severo Recondo, nun partido en Balaídos.

Para completar esta época dourada do club, a dinámica directiva que tiña a U.D. Santa Mariña nestes anos, forma tamén unha división de Atletismo e de Balonmán aínda que non chegaron a consolidarse.


Como broche de ouro desta década, destacamos ao neno Santiago Formoso que comeza a xogar no ano 1965 no equipo infantil da U.D. Santa Mariña, sube ao equipo xuvenil ata que con 16 anos emigra aos Estados Unidos de America para chegar a ser 16 veces internacional con ese país ou a xogar no mítico NEW YORK COSMOS xunto a Pelé, Beckenbauer, Cruyff, Neeskens, Chinaglia, entre outros. Destacar que é o primeiro deportista español en gañar un anel de campión deportivo nos Estados Unidos.


A finais dos anos 60 a U.D. Santa Mariña tiña dous equipos infantís pero só un xuvenil que se quedaba escaso, polo que a directiva acordou crear un segundo equipo xuvenil. Este desexo non se pode levar a cabo xa que a federación non deixa inscribilo como "Santa Mariña B" polo que o presidente decide inscribilo co antigo nome de Deportivo Cabral.


Finalmente o Deportivo Cabral botará a andar na tempada 1969-1970 e finalmente tendrá categorías de infantil, cadete, xuvenil e senior vestindo a misma equipaxe ca U. D. Santa Mariña. A formación deste segundo equipo pon de manifesto o empeño historico dos dirixentes de este club por traballar a canteira, feito que perdura ata actualidade.




O LOGRO MAIS GRANDE DA HISTORIA DO CLUB

Despois de sete anos no club, Carlos Fernández Trigo, en 1973 dá por rematada a súa esplendorosa etapa, e presenta con carácter irrevogable a súa dimisión. A U.D. Santa Mariña pasa a ser dirixida durante tres meses por unha xunta xestora que presidirá Albino Vázquez.

A segunda etapa de Humberto na U.D. Santa Mariña levará ó logro máis grande da historia do club. Pero antes de chegar a esa data hai que dicir que o equipo acada tres finais da Copa Vigo: Silva 1975 (2-1), Silva 1976 (1-0) e Teis 1981 (2-0).

Despois dunha forte loita co Rápido de Bouzas e Deportivo Silva, a U.D. Santa Mariña volve a gañar a Liga da Primeira División da tempada 1977-1978. E esa mesma tempada gaña tamén o Trofeo Festas de Vigo 1878 ante o Salvaterra.


O DÍA MÁIS TRISTE


O día máis triste da historia da U.D. Santa Mariña ten como data negra o 10 de abril de 1979, cando o autobús escolar que regresaba a Vigo despois dunha excursión de Semana Santa caia ás frías e turbulentas augas do río Órbigo o seu paso por Santa Cristina de la Polvorosa (Benavente-Zamora).


No autocar sinistrado viaxaban alumnos/as e profesorado do Colexio Vista Alegre de Cabral. Perderon a vida 45 nenos e nenas, dous profesores, unha profesora e o condutor do autobús. Seis dos nenos falecidos eran xogadores da U.D. Santa Mariña. Foi un pau moi duro para a parroquia e para toda a cidade, que os despediu nun multitudinario funeral no estadio de Balaídos, ó que acudiron 30 mil persoas.

No ano 2019 o concello de Vigo para conmemorar o 40 aniversario de tan desgrazada data, instalou unha placa en lembranza dos falecidos na lonxa do concello de Vigo.


Na tempada 1980-1981 a U.D. Santa Mariña volve a gañar a Liga, co importante dato de que máis de media ducia de xogadores aínda tiñan idade xuvenil, o que puña en valor o traballo realizado na base.


Baixo a dirección de Hío e Luís Ferreira, o equipo xuvenil consegue un gran triunfo no ano 1987 ó plantarse na final e gañar ao Comercial de Lugo, conquistando por primeira vez a Copa Galicia. 


Seis anos despois de que a U.D. Santa Mariña deixase de xogar na Serie B dos modestos de Vigo, na tempada 1987-1988 sube a Primeira Rexional.

Volvendo á década dos setenta, e abordando o logro máis grande da historia da U.D. Santa Mariña, sen cambiar unha coma da escrita recollida no libro Memoria dunha andaina deportiva (dispoñible nas oficinas do club) vamos a recoller textualmente o que dí sobre as instalacións deportivas de Cotogrande:


"Alá polo ano 1972, o equipo do Goberno do Concello de Vigo, que presidía o alcalde, Antonio Ramilo Fernández Areal proxecta obras para a construción dunha Cidade Deportiva que contempla: campo de fútbol, estadio de atletismo, piscinas, pistas de tenis, pistas polideportivas, campo de hípica, velódromo, tiro con arco e instalacións de tiro. As obras ás que se refire o proxecto están situadas no denominado Complexo Deportivo Municipal de Cotogrande

Pasados cinco anos dan por rematadas as obras de aplanamento dunha extensión de quince mil (15.000) metros cadrados.

A infraestrutura deportiva no Concello é moi escasa e o Santa Mariña sofre esta situación e padece coma o que máis a falla de instalacións deportivas, ao ser un dos clubs con máis seccións deportivas.


A carencia de espazos axeitados onde adestrar fai que os xogadores percorran de arriba a baixo e baixo a arriba a parroquia: hoxe aquí, mañá alá e pasado mañá acolá. E así, tempada tras tempada, os deportistas veñen exercitándose en calquera sitio onde haxa un pequeno chan: no Meixoeiro, onde estaba a antiga Escola de Formación Profesional Acelerada, Actualmente IES Valentín Paz Andrade; na Ponte, onde se construíu o mercado; nas salas de baile La Palmera e Astoria club; no terreo onde se instalou a fábrica de vidro Vanosa, nas Paracháns, pola estrada de Ramón Nieto, pola avenida de Santa Mariña, polo monte… Os adestramentos sempre remataban nas frías augas do río Lagares, ata que na segunda metade dos anos sesenta se habilita un vestiario con duchas nun anexo ao local social.


A directiva do club decátase de que as obras en Cotogrande non se levarán a fin, pois están convencidos de que xa é un proxecto arquivado e comezan unha ardua xestión ante a administración local para acadar os terreos.


Despois de petar en moitas portas, a solicitude do Santa Mariña é atendida, e no outono de 1978, a corporación que dirixe Enma González Bermejo accede en precario á cesión dos terreos, co condicionante de que o club os deixe libres e a disposición do concello cando este necesite a superficie cedida.


A xestión non foi doada, xa que algunha entidade deportiva de fóra da parroquia pretendía os apetitosos terreos.


Unha vez conseguidos os terreos iníciase un durísimo traballo que a directiva do club bota ao lombo, asumindo a tarefa de construír coas súas mans dous campos de fútbol con iluminación e vestiarios, así como facer o acceso ás instalacións.


En xuño de 1983 o Consello de Administración do Centro Deportivo Municipal acorda ratificar ao Santa Mariña o uso prioritario dos campos de fútbol, propiedade do Centro Deportivo.


O estoupido dos foguetes e o son das gaitas anuncian a inauguración das Instalación Deportivas de Cotogrande en agosto de 1983.


Non esquezamos aquelas sufridas persoas, que co seu grandísimo esforzo permitiron que centos de nenos e mozos, repartidos en doce equipos integrados nas seccións de afeccionados, xuvenís, cadetes, infantís, alevíns, benxamíns, prebenxamíns e minibenxamíns se adestren e xoguen nunha das mellores instalacións deportivas do fútbol base vigués. Por non dicir as mellores, exceptuando as do Celta, por suposto.


Os terreos onde o Santa Mariña desenvolve a súa actividade deportiva, así coma todo Cotogrande, pasará á propiedade comunal dos veciños e veciñas de Cabral no ano 1989, en virtude de resolución do Xurado Provincial de Montes en Man Común de Pontevedra.


No percorrer do tempo as instalacións foron mellorando, primeiro coa remodelación do segundo campo. Para de seguido seguir medrando coa inauguración da bancada cuberta e os campos de herba sintética. A remodelación do campo, a construción da bancada e local e parte do peche perimétrico correu a conta da Comunidade de Montes."


Humberto síntese canso despois de tanto anos de traballo no club dos seus amores e expón o desexo de marcharse. Moitos simpatizantes anímano a seguir e finalmente nunha asemblea, na que se propón novas eleccións ou renovarlle o mandato a Humberto por catro anos máis, gaña esta segunda proposta.


Estar ó fronte dunha entidade deportiva coma é a U.D. Santa Mariña esgota, e dedicarlle tantos e tantos anos como lle dedicou Humberto ó club dos seus amores non hai corpo humano que non acuse o cansazo. Polo que, Humberto, dá por rematada a súa etapa presidencial e convoca unha asemblea para abrir un proceso electoral, ó que se presentan Claudio Cameselle e Francisco Rodríguez, sendo este último o gañador e novo presidente. Hai que dicir que, por primeira vez na historia desta entidade, puxéronse as urnas para elixir presidente.


Durante o mandato de Francisco Rodríguez (1992-1996) leváronse a cabo obras como a reconstrución total do segundo campo e o inicio da bancada.


Outro meritorio traballo deste etapa foi o recoñecemento de todo Cabral ó Presidente de Honor da U.D. Santa Mariña, nunha homenaxe a Humberto, onde participou todo o movemento veciñal de Cabral, á que tamén sumouse o Concello de Vigo, Federación Local de Fútbol e Deportivo Nieto.


Un sábado de agosto de 1993 nas instalacións deportivas de Cotogrande, con gran asistencia de persoas que querían mostrar a súa gratitude e recoñecemento aos moitos anos de traballo de Humberto, foron testemuñas do descubrimento dun pequeno monumento de pedra, preto da entrada, presidindo a chegada de todos os afeccionados e visitantes ás instalacións de Cotogrande.


Francisco Rodríguez remata a lexislatura, e a non haber ningún candidato para presidir o club, Manuel Taibo preside unha xunta xestora durante dous meses, ata que María Jesús Valverde convértese na primeira muller que presida a U.D. Santa Mariña. Durante sete meses unha xunta directiva de maioría de mulleres rachan coas costumes nas que só homes rexentaron os destinos da U.D. Santa Mariña.

INSTALACIÓNS DEPORTIVAS

ERA CONTEMPORANEA

Unha nova era comeza na U.D. Santa Mariña coa chegada de Xosé Carlos Blanco "Chato". Este presidente que chegou nos anos sesenta para xogar nos infantís, e despois de pasar por todas as categorÍas, unha vez rematada a etapa de xogador, volta anos despois como adestrador, desempeñando tamén funcións en diversas áreas deportivas, asume a presidencia do club no 1996.


A U.D. Santa Mariña, coma nos mellores tempos, neste ciclo que vai do 1996 ata o tempo que nos atopamos, co empuxe de Chato e a súa xunta directiva está a vivir unha etapa brillantísima que, a simple vista, apréciase en canto un entra polo portal das instalacións deportivas: inauguración bancada cuberta, reforma e ampliación de vestiarios, novo local social e dotación dos campos de terra polos de herba sintética de nova xeración. O primeiro inaugurado en febreiro do 2007 e o segundo en outubro de 2010. O enchen de esplendor e orgullo á parroquia. 


No eido futbolístico neste período as vitrinas do club recolleron infinidade de trofeos das categorías inferiores, pero hai que subliñar os tres triunfos de sete finais de Copa Vigo: 1998: U.D. Santa Mariña 0 Sárdoma 2; 2000: U.D. Santa Mariña 1  Castrelos 0; 2003: U.D. Santa Mariña 3 Bouzas B 0; 2004: U.D. Santa Mariña 2 Alerta Travesas 1; 2013: U.D. Santa Mariña 1 Alerta Travesas 1 (perdeu na quenda de penaltis); 2015: U.D. Santa Mariña 2 Cristo da Victoria 2 (perdeu na quenda de penaltis); e 2018: U.D. Santa Mariña 1 Candeán 2. En canto aos afeccionados estamos entre a Primeira e a Segunda, a Segunda e a Primeira da Liga Rexional.


Ante a presenza do alcalde Manuel Pérez, o presidente da U.D. Santa Mariña, Chato, dicía entre outras cousas o día do Cincuenta Aniversario do club:

"Cincuenta anos son moitos anos, dan moito que andar, son un sen fin de servizos e de sentimentos, nacidos do esforzo desinteresado de todas as persoas que colaboraron a que este club chegara ata aquí, para vestirse de maior.
A travesía non foi doada, pois a erosión do tempo fixo que a excepción do Bouzas e Casablanca todos os equipos que xogaron aquela primeira Liga co Santa Mariña hoxe non existen.
Cincuenta anos no fútbol modesto son moitos anos, son unha morea de sacrificios. Só chegan ao porto do medio século aqueles que nunca deixaron de remar, e no Santa Mariña, cumpridos cincuenta anos, sempre houbo mans para coller o remo e brazos para remar.
Non estamos aquí para facer campións. A Unión Deportiva Santa Mariña ten que ser unha entidade, onde nenos e mozos teñan un espazo acolledor para facer deporte, e nas nosas posibilidades, axudalos a facerse persoas sociables."

Moitas veces a U.D. Santa Mariña correspondeu con aquelas persoas que defenderon e traballaron para que o club medrase deportivamente e socialmente, polo que Chato nunca dubidou en facer público o recoñecemento a algunhas desas persoas, como foi o caso de Hío, que en setembro do 2009, aproveitando a presentación do libro Memoria dunha andaina deportiva (dispoñible nas oficinas do club), ante varios centos de persoas recibiu unha homenaxe, descubrindo unha placa nas Instalacións Deportivas de Cotogrande, a unha longa traxectoria sen desmaio en pro da U.D. Santa Mariña: 

Outro recoñecemento máis que merecido, foi a homenaxe en xuño do 2013 que se lle tributou a Carlos, acto que tivo lugar en Cotogrande, descubrindo tamén unha placa: 


Aquel proxecto deportivo que agromou ai máis de seis décadas, no eido do fútbol modesto vigués, sigue vixente, mantendo un norte que o levou a ser o club máis emblemático da Cidade Olívica. Por continuidade e traxectoria. A herdanzas recibidas e a planificación dun traballo ben feito, fan que a U.D. Santa Mariña do século XXI, experimente un crecemento constante, que se aprecia nas esplendorosas Instalacións deportivas, que como dixemos máis arriba son unhas das mellores do Concello de Vigo. O que dan cobertura para que a U.D. Santa Mariña sexa todo un referente do fútbol base de Vigo e Galicia, con máis de trescentos xogadores que xogan en vinte equipos e por onde pasaron  xogadores como Rubén Blanco, Iago Aspas ou Brais Méndez, Gabri Veiga por citar só os últimos.

Share by: